Información da mesa sectorial do 18 de setembro de 2026

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

1.- PROPOSTA DE MELLORAS RETRIBUTIVAS E DE TRABALLO.

Na Mesa Sectorial extraordinaria do 18 de setembro, o SERGAS presentou unha proposta de melloras retributivas e de traballo limitada fundamentalmente ao persoal residente en formación e ao persoal facultativo hospitalario que realiza gardas.

CIG-Saúde manifestou que agardaba unha proposta moito máis ampla, que incluíse o conxunto das categorías e colectivos do SERGAS, e reclamou unha negociación retributiva real na Mesa Sectorial.

A PROPOSTA DO SERGAS:

  • Novo complemento de residencia para o persoal residente.
    O SERGAS propón crear, con efectos do 1 de xaneiro de 2027, un novo complemento de residencia, cunha implantación progresiva ata 2029:
    Persoal residente A1 (MIR, PIR...):
    • 2027: 75 €/mes
    • 2028: 100 €/mes
    • 2029: 120 €/mes
    Persoal residente A2 (EIR):
    • 2027: 56,25 €/mes
    • 2028: 75 €/mes
    • 2029: 90 €/mes

Segundo o documento presentado polo SERGAS, estas contías non se actualizarían cos incrementos xerais que se produzan entre 2027 e 2029. A actualización conforme ás sucesivas leis de orzamentos comezaría a partir do 1 de xaneiro de 2030.

CIG-Saúde trasladou o seu desacordo con esta conxelación e reclamou que as subas salariais xerais se apliquen tamén a este complemento.

A Administración indicou ademais que o complemento se aboaría en 12 mensualidades. CIG-Saúde reclamou que, ao tratarse de persoal laboral, se retribúa en 14 mensualidades, incluídas as pagas extraordinarias.

  • Incremento da quinta garda e sucesivas
    Para o persoal residente A1, o SERGAS propón incrementar, con efectos do 1 de xuño de 2026, o valor da hora de presenza física da quinta garda e sucesivas realizadas nun mesmo mes:
    • R1: 21,21 €/hora
    • R2: 24,27 €/hora
    • R3: 27,35 €/hora
    • R4 e R5: 30,26 €/hora.

Libranza da garda do venres para o persoal residente

O SERGAS propón que o persoal facultativo con réxime de gardas nos servizos hospitalarios desfrute, con carácter xeral, dun descanso compensatorio pola garda do venres nos 15 días seguintes.

Nos servizos de difícil cobertura nos que poida verse comprometida a actividade asistencial, a libranza podería diferirse mediante acordo previo entre a persoa traballadora e a xerencia da área sanitaria.

A medida aplicaríase ás gardas realizadas desde o 4 de setembro de 2026.

CIG-Saúde reclamou que este dereito se estenda tamén ao persoal residente e aos FEAP.

CIG-SAÚDE RECLAMA MELLORAS PARA TODO O PERSOAL

CIG-Saúde deixou claro na Mesa Sectorial que non cuestiona as melloras para o persoal residente. O que cuestiona é que o SERGAS presente unha proposta retributiva limitada a determinados colectivos, cando existen reivindicacións e temas pendentes de negociar na mesa e que afectan ao conxunto do persoal.

A propia Dirección de Recursos Humanos informou de que existen acordos asinados na Mesa Sectorial que continúan en fase de negociación e que se están negociando con Facenda as cantidades necesarias. Segundo manifestou, cando este proceso estea pechado informará á Mesa Sectorial.

O prazo para presentar alegacións á proposta retributiva presentada remata o 25 de setembro.

 

2.- PSICOLOXÍA CLÍNICA EN ATENCIÓN PRIMARIA

Na reunión tamén se informou sobre a incorporación do persoal de Psicoloxía Clínica á Atención Primaria.

O SERGAS informou de que en 2026 existen 28 prazas orzamentadas, das que actualmente están cubertas 21. A previsión trasladada é chegar ás 50 prazas en 2030, incorporando 7 máis en 2027, 8 en 2028 e 7 en 2029.

Este persoal dependerá organicamente da xefatura de servizo de Atención Primaria e funcionalmente do servizo de Psiquiatría hospitalario. As súas retribucións son actualmente as correspondentes ao ámbito hospitalario e tamén se lles aplican obxectivos dese ámbito.

CIG-Saúde advertiu dos posibles problemas de coordinación derivados desta dobre dependencia e preguntou, entre outras cuestións, pola xestión das ausencias, a localización das prazas, a procedencia das derivacións e a poboación que atenderán.

O SERGAS informou de que as derivacións procederán exclusivamente do persoal médico de Atención Primaria e que atenderán poboación adulta maior de 16 anos. As quendas poderán ser de mañá ou de tarde e as axendas serán xestionadas polo persoal PSX.

A Administración recoñeceu tamén que non se estaban aboando os obxectivos a conta. Indicou que esta situación se corrixirá en outubro con efectos retroactivos.

3.- CIG-SAÚDE ESIXE NEGOCIACIÓN REAL

Fóra da orde do día, CIG-Saúde denunciou a dinámica que está a seguir o SERGAS: sucesión de mesas extraordinarias convocadas con moi pouca antelación, ordes do día comunicadas practicamente dun día para outro e prazos mínimos de alegacións para asuntos de importancia.

Para CIG-Saúde, presentar documentos, abrir un prazo de alegacións e volver á Mesa cun texto practicamente pechado non é negociar.

A Dirección de Recursos Humanos anunciou unha nova Mesa Sectorial extraordinaria para o 22 de setembro, destinada ás conclusións do segundo grupo de traballo de Atención Primaria, e avanzou que pretende abordar a finais de setembro o tema retributivo de Atención Primaria.

CIG-Saúde seguirá reclamando que a Mesa Sectorial cumpra a súa función: negociación real, propostas concretas e melloras que dean resposta ao conxunto do persoal do SERGAS.

Volver