Información da Mesa Sectorial do 19 de decembro de 2025
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Procedemento para o exercicio das opcións de prestación de xornada voluntaria nos Puntos de Atención Continuada (PACs).
CIG-Saúde denunciamos que falar de voluntariedade sen un Plan de Ordenación de RRHH non ten sentido.
Esiximos que antes da voluntariedade é imprescindible resolver o problema dos cómputos de xornada do persoal dos PAC.
Esiximos que a vixencia das opcións de voluntariedade sexa anual con revisión anual das necesidades dos plans funcionais. Non queremos horas de voluntariedade que limiten o desenvolvemento dos cadros de persoal específico dos ámbitos de PAC.
CIG-Saúde defendemos que a aplicación da voluntariedade debe seguir unha orde determinada e só cando se dean as condicións de indispoñibilidade.
- Primeiro Médicas/os de PAC, segundo Médicas/os de ordinaria, e se segue quedando espazo para a voluntariedade, ofertarase a Médicas/os de outras categorías de persoal estatutario con titulación de Medicina de Familia.
- No caso da Enfermaría: primeiro persoal Enfermeira/o de PAC e despois persoal Enfermeira/o de ordinaria. Sempre e cando non haxa persoal dispoñible nas listas de contratación.
CIG-Saúde solicitamos tramos iguais para toda a voluntariedade, independentemente da categoría ou ámbito de traballo.
Para CIG-Saúde é urxente definir cal é a planificación asistencial dos sábados pola mañá, categorías que van prestar a atención e dispositivos que estarán abertos. Ten que ser a Consellería de Sanidade quen o faga.
Os cambios de horario de PAC afectan a todas as categorías, tamén ao persoal de xestión e servizos (PSX e celadores) xa que farán menos noites e festivos de incluírse os sábados pola mañá. CIG-Saúde denunciamos o agravio que sufriría este persoal e instamos ao SERGAS a que se compense esa perda retributiva.
O SERGAS recoñece a complexidade do tema e retrasa continuar coa negociación ata o mes de xaneiro logo de que falen coas áreas sanitarias e coa Dirección xeral de Asistencia sanitaria.
O SERGAS presenta unha “proposta de acordo sobre a aplicación transitoria dunha puntuación específica pola atención Continuada prestada en PAC polo persoal médica/o de familia de atención Primaria.” Só para persoal médica/o de PAC e de unidades. Dan ata o 15 de xaneiro para alegacións.
CIG-Saúde rexeitamos que se inclúa nos baremos de OPE e Concurso de traslados unha puntuación adicional por voluntariedade. Solicitamos que se valore en Carreira profesional.
Traspaso das UADs ao Servizo Galego de Saúde
O SERGAS informa de que con data de 1 de xaneiro de 2026 traspasan ao SERGAS as Unidades de Axuda á Drogodependencia de 13 concellos, e que afecta a 70 persoas traballadoras.
O Decreto que regula dito traspaso está en tramitación por parte da Xunta.
CIG-Saúde denunciamos a falta de información en todo este proceso e solicitamos coñecer a relación de persoal que se traspasa de cada unidade, que categoría e tipo de contratación que teñen.
Incremento retributivo do 2025
O SERGAS informa que no mes de decembro percibiranse as nóminas (ordinaria e extraordinaria) sen incremento retributivo.
No mes de xaneiro de 2026, percibirase unha nómina na que se incluirá o incremento do 2,5% das 14 pagas do ano 2025.
O SERGAS informa de que revisarán de oficio todas as nóminas do ano 2025 tanto ao persoal en activo coma ao que xa non presta servizos no SERGAS (persoal temporal, xubilado, en excedencia...).
Previsións OPE
Médico/a de familia:
- O SERGAS informa de que teñen previsto realizar unha segunda volta de adxudicación na OPE de médico/a de familia.
- O SERGAS retrasa ata o día 12 de xaneiro de 2026 a publicación da Resolución para as tomas de posesión da categoría de Médico/a de familia, tanto de OPE coma do Concurso de traslados.
CIG-Saúde denunciamos que o 12 é moi tarde e que vai prexudicar ás persoas que tomen posesión despois do día 15 de xaneiro, que se verán penalizadas sen poder participar no CTAP ata o ano 2028.
Médico/a de urxencias hospitalarias (concurso de méritos de difícil cobertura): van publicar proximamente a resolución para a toma de posesión.
Concurso específico de médico/a de HADO e especialistas en enfermaría xeriátrica: queda adiada a publicación no DOG ao mes de xaneiro.
Novas Relacionadas
Últimas novas