Información da mesa sectorial do 27 de marzo de 2026
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
Modificación do Decreto 172/1995, dos PAC.
CIG-Saúde solicitou a retirada do Decreto que modifica o Decreto 172/1995, para incluír as mañás dos sábados como horario de prestacións nos PACs.
A mobilización das traballadoras e traballadores conseguiu frear temporalmente o decretazo dos PACs, obrigando á Consellería a aprazar a súa aplicación.
Pero atención: non é unha retirada, só un adiamento. A intención de impoñelo sen acordo segue vixente.
PUNTO CLAVE: SÁBADOS POLA MAÑÁ (IMPORTANTE)
- Durante abril e maio prorrógase o programa especial dos sábados.
- A partir de aí, pasará a formar parte das carteleiras ordinarias dos PACs.
- Isto significa que deixará de ser algo puntual e pasará a ser estrutural.
CONDICIÓNS LABORAIS
- Recoñécese a quenda rotatoria complexa do ACS para PSX (xornada e retribución) un dos puntos da convocatoria de folga de CIG-Saúde.
- En medicina e enfermaría: aumento do valor da xornada complementaria, baixada do tramo para cobrar e mellora do cómputo.
- Incremento de prazas estruturais de todas as categorías.
- Pero non se compensa con nada: os sábados supoñen perda retributiva.
- Se non se fan máis horas, non se recupera o salario perdido.
Procedemento de voluntariedade para a cobertura no PAC
CIG-Saúde NON asina o acordo de VOLUNTARIEDADE. Porque é insuficiente, inxusto e ignora as reivindicacións do persoal.
O acordo limítase a ofrecer incentivos para facer máis horas e dar máis poder ás xerencias, pero non soluciona nin a sobrecarga nin as pésimas condicións de traballo en Atención Primaria.
Desde CIG-Saúde presentamos alegacións claras que foron completamente ignoradas. Que reclamabamos?
- Negociar primeiro as condicións reais de traballo e a sobrecarga.
- Limitar a actividade asistencial para garantir unha atención segura.
- Garantir que a voluntariedade só se use cando non haxa profesionais dispoñibles nas listas.
- Igualdade retributiva: mesmo traballo, mesma retribución (PAC e centros de saúde).
- Igualdade de trato a persoal médico e enfermeiro.
Reforzo do persoal e creación de prazas estruturais. Que impón este acordo?
- Máis horas de traballo a cambio dun pago que segue a ser inferior ao que demandan as profesionais.
- Un modelo baseado en parches, non en solucións reais.
- Máis discrecionalidade para as xerencias.
- Mantemento das desigualdades incluso dentro da mesma categoría profesional.
Criterios para o cómputo de xornada dos PACs
CIG-Saúde consegue un acordo que garante un cómputo xusto das horas traballadas.
Desde CIG-Saúde levamos anos denunciando unha situación totalmente inxusta:
- Ao persoal médico e enfermeiro dos PACs estábaselle roubando xornada no cómputo das horas traballadas.
- Non se contabilizaba a xornada durante permisos como ingresos hospitalarios, falecementos de familiares ou incapacidade temporal.
- Isto provocaba que as profesionais chegasen a deber horas ao final do ano ou descontar estas das horas de xornada complementaria xa realizadas.
Tras anos de denuncia, presión e traballo sindical, CIG-Saúde acadou un acordo fundamental:
- Establécese un cómputo real da xornada
- Déixanse de descontar permisos e ausencias xustificadas
- Ponse fin ao roubo de horas no persoal dos PACs
O acordo foi asinado na Mesa Sectorial o 27 de marzo, iniciando a súa implantación e que terá efectos do 1 de xaneiro de 2026.
Este logro é resultado da loita sostida de CIG-Saúde en defensa dos dereitos de todo o persoal dos PACs.
Aínda que non se recollen todas as achegas realizadas por CIG-Saúde, consideramos que é un bo acordo. A súa sinatura permítenos formar parte da comisión de seguimento, onde poderemos seguir defendendo melloras e abordando todas as deficiencias que se detecten.
Persoal médico de urxencias hospitalarias
Na mesa sectorial non houbo ningún avance.
- O SERGAS non trouxo ningunha proposta.
- Non deu resposta ás nosas demandas.
- Todo queda adiado para unha próxima mesa.
- Unha vez máis, o SERGAS dilata a negociación e intenta gañar tempo.
CIG-Saúde mantemos as nosas peticións:
- Exención de quendas de noite para maiores de 55 anos.
- Manter a dispoñibilidade durante todo o ano (non só no “programa de inverno”).
- Incremento real do valor da xornada complementaria.
- Revisión dos plans funcionais segundo as necesidades reais.
- Cómputo da actividade non asistencial.
- Actualización dos complementos de turnicidade e atención urxente.
Novas Relacionadas
Últimas novas