MENTIRAS QUE ANDAN DICINDO POR AHÍ

A CIG-Saúde denuncia a falta de rigor das informacións relativas á folga no Hospital de Monforte

  • Monforte

Lembra que coa mobilización preténdese evitar o desmantelamento do centro hospitalario.

 

Persoal do Hospital de Monforte iniciou unha folga parcial, de dous días á semana, o pasado 24 de abril, contra o desmantelamento do centro sanitario e das consecuencias que isto vai ter na atención ás/aos doentes da comarca. Por iso esta folga non só é secundada polo persoal, senón que conta co apoio masivo da poboación, que será quen sufra este grave recorte.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín explica que “cantos máis servizos se pechen e menos persoal haxa neste hospital, con máis frecuencia terá a poboación que desprazarse ao HULA para recibir asistencia”.

Explica ademais que se chegou a esta convocatoria de folga ante a negativa da dirección do centro hospitalario e da Xerencia de Lugo a establecer un diálogo coa representación sindical. “Puxéronse, de forma reiterada, en coñecemento da Xerencia os problemas que se estaban dando derivados da falta de persoal e do cambio nas súas condicións de traballo, ademais das repercusións que isto tiña para as usuarias e usuarios da sanidade pública na zona de influencia do Hospital de Monforte”, di.

A isto engade que “non só non fixeron caso, senón que consentiron e apoiaron as políticas de persoal que está a levar a cabo a subdirectora de enfermería, que provocaron que no canto de crearse un clima laboral normalizado, este se enrarecera cada vez máis por mor dos continuos cambios de quendas ou de unidades sen xustificación algunha”.

Medidas que, segundo a secretaria nacional de CIG-Saúde, “tiñan como único obxectivo reafirmar o seu poder e non xestionar os recursos humanos con intelixencia e respecto absoluto ás/aos profesionais”. Nese sentido lembra que fronte a unha concentración de traballadores/as diante da Xerencia en demanda de diálogo “chegou a saír a bailar diante deles”.

Por iso, a CIG-Saúde desmente as informacións que se están publicar en medios da Ribeira Sacra, nos que se afirma que hai presións sobre quen non secundan a folga ou para dotar de medios a caixa de resistencia, que é xestionada polos propios traballadores/as dos centros. “Eses medios esqueceron contrastar a información co comité de folga ou cos traballadores e traballadoras que a secundan. Preferiron dar unha única versión, para beneficio exclusivo da consellaría de Sanidade poñendo así en cuestión a súa credibilidade diante do persoal e da poboación que sabe que é o que está ocorrendo”.

Abuín lembra ademais que “a CIG e o resto de organizacións sindicais do comité de folga foron os primeiros en dirixirse á dirección do centro para que se iniciara unha investigación seria e rigorosa sobre o acontecido cunha lata de cervexa aparecida nunha caixa de material cirúrxico”, así como demandaron que se adoptaran medidas de seguridade “para evitar que se volvera a producir un incidente destas características”.

Ver nova completa en Avantar

Volver