Mesa sectorial de sanidade do 18 de marzo de 2022

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

PLAN DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DE ATENCIÓN PRIMARIA

O SERGAS presenta a documentación na que se recollen datos dos cadros de persoal de atención primaria, para que remitamos alegacións no prazo de 15 días.

O SERGAS comprométese a traer unha proposta de medidas a adoptar a curto prazo en Atención Primaria para a seguinte reunión do plan.

Dan un breve prazo ata antes do 25 de marzo para remitir propostas sobre criterios para identificar os postos de difícil cobertura, co fin de remitilos ao Ministerio de Sanidade.

CIG-Saúde solicitamos que nas previsións se recolla a xubilación parcial anticipada para o persoal do SERGAS.

 

CONDICIÓNS LABORAIS DA NOVA CATEGORÍA DE PERSOAL FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ATENCIÓN PRIMARIA

A Administración presenta unha proposta de regulación de condicións laborais da nova categoría de persoal facultativo especialista de atención primaria, abrindo un prazo de alegacións ata o 25 de marzo.

CIG-Saúde expuxemos que a proposta non recolle o pago da atención continuada pola prestación de noites e festivos no PAC, e tamén que introducen a figura das gardas de relevo sen unha regulación das mesmas, polo que solicitamos que se abra unha negociación das mesmas.

Borrador da proposta presentada

CONVOCATORIA DE CONCURSO DE MÉRITOS PARA ACCESO COMO PERSOAL FIXO A PRAZAS DE FACULTATIVO/A ESPECIALISTA DE ATENCIÓN PRIMARIA

A Administración presenta un borrador da convocatoria do proceso selectivo polo sistema de concurso, para o acceso como persoal fixo na categoría de persoal facultativo especialista de atención primaria, abrindo un prazo de alegacións ata o 25 de marzo.

Informan de que teñen intención de publicar a convocatoria no DOG en abril e que esperan telo resolto antes do verán.

CIG-Saúde denunciamos o feito de que na convocatoria non se recolla a realización dun exame da lingua galega ás persoas que non teñan o Celga IV ou o curso de perfeccionamento.

CIG-Saúde manifestamos que o baremo que propoñen non dá resposta ás expectativas do persoal residente para acceder a estas prazas, e que, ao contar un 55% a experiencia profesional e ao incrementar notablemente os anos traballados na puntuación desa experiencia, parece máis unha chamada á participación do persoal que xa leva anos no sistema.

Borrador da convocatoria

OUTROS TEMAS

CIG-Saúde solicitamos que se reúna a comisión de permisos e licenzas, e tamén que se trate o tema dos cómputos de xornada do persoal temporal.

O SERGAS comunica que o 24 de marzo está prevista a publicación no DOG da convocatoria de OPE da categoría de enfermeiro/a. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto dende o 25 de marzo ata o 15 de xullo.

Volver