Negociación dunha nova orde de vínculos no SERGAS
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
- Selección Temporal
A actual directora de RRHH do SERGAS, comprometeuse a negociar unha nova Orde de Vínculos no SERGAS, e así o recolle o plano de continxencias COVID.
A Orde de Vínculos é o documento que recolle o tipo de nomeamentos estatutarios que se lle vai realizar ao persoal eventual, en todas as súas modalidades: nomeamento de interinidade, nomeamento de carácter eventual para a prestación de servizos temporal, conxuntural ou extraordinario, ou nomeamento de substitución.
Mais unha nova Orde de Vínculos por se mesma non vai eliminar a precariedade laboral do SERGAS, se non existe o compromiso firme de modificar as políticas de persoal.
Conxuntamente coa publicación da nova Orde de Vínculos, deberá negociarse na Mesa Sectorial o compromiso do SERGAS de contratar a todo o persoal atendendo ao principio de causalidade.
Que significa contratar atendendo ao principio de causalidade?
- Que todos os nomeamentos de persoal eventual serán ofertados pola causa e duración que motivou a contratación.
Ademais, como CIG-Saúde, reclamamos que:
- O persoal eventual siga a mesma carteleira de servizo que o resto de persoal da unidade ou servizo.
- O persoal eventual teña os mesmos dereitos que o resto de persoal en materia de permisos, licenzas e conciliación familiar. Sen que isto supoña que, para facer uso destes dereitos, teña que renunciar á contratación.
Prazas estruturais cubertas con nomeamentos eventuais:
Entre a taxa de reposición e a contratación en precario, no SERGAS existen prazas estruturais cubertas con nomeamentos eventuais, persoal que rota cada 6 meses polo mesmo posto. Isto é fraude na contratación, máis na empresa pública non ten ningunha consecuencia.
- Cantas prazas estruturais hai no SERGAS cubertas con eventuais? Non o sabemos.
- Como se pode corrixir isto? Negociando co SERGAS un sistema identificativo de prazas.
- Que necesitamos antes de negociar a Orde de Vínculos? Que o SERGAS presente na mesa sectorial un censo de prazas vacantes cubertas con persoal eventual, un censo por distrito e no que se recollan todas as categorías profesionais.
Como pode solucionar o SERGAS que as prazas estruturais se cubran con nomeamentos estables?
- Ofertando o maior número de nomeamentos de interinidade posible, con transparencia e sen xogar co persoal.
Se non é posible cubrir con nomeamento de interinidade todas as prazas estruturais, a nova Orde de Vínculos debe recoller un nomeamento de PREVACANTE, asimilable á interinidade. Este tipo de nomeamento xa existiu no SERGAS.
Novas Relacionadas
Últimas novas