Nota de prensa urxente ante a grave situación de contaxios entre o cadro de persoal no Hospital da Mariña polas políticas da Xerencia contrarias á prevención de riscos para a saúde na xestión do Covid-19

  • Burela

CIG SAÚDE A MARIÑA DENUNCIA QUE A XERENCIA DO HOSPITAL OBRIGA AO CADRO DE PERSOAL A INCUMPRIR O PROTOCOLO EN MATERIA DE PREVENCIÓN POLO COVID-19 POÑENDO EN RISCO A SÚA SAÚDE

Esixen material de protección para todo o persoal, cumprimento estrito dos protocolos escritos, que deben ser claros, concisos e adaptados ao propio centro hospitalario para garantir a saúde e seguridade das traballadoras e traballadores

Esixen a dimisión en bloque de todo o equipo directivo do centro hospitalario por atentar contra a seguridade e saúde do cadro de persoal

 

Burela a 23 de marzo de 2020

Desde CIG Saúde A Mariña e ante as queixas recibidas estes últimos días por parte dos profesionais e ante o alarmante incremento de persoal contaxiado polo COVID-19 a causa da mala xestión da crise sanitaria, esiximos de maneira inmediata da Xerencia do Hospital da Mariña explicacións e responsabilidades para garantir a saúde e seguridade das traballadoras e traballadores do centro hospitalario.

“É intolerable que a estas alturas, cando a incidencia no noso hospital aínda é pequena, exista desinformación e desorganización na asistencia sanitaria do día a día, e a máxima responsable desta situación é a equipa directiva do centro”, afirman.

“Se a día de hoxe, e tendo en conta que á nosa comarca chegou máis tarde e con menor incidencia, e estamos nunha situación de absoluta descoordinación, desinformación e cun número elevado de contaxios entre o cadro de persoal que pode acontecer nestes días, cando se agarda que o pico forte de COVID-19 chegue a finais de marzo ou xa en abril”, pregúntanse dende o sindicato nacionalista galego.

“Entendemos que estamos ante unha situación nova de emerxencia sanitaria e que todas e todos temos que arrimar o ombreiro, pero arrimar o ombreiro non significa quedar calados ante a falta de organización e previsión de quen dirixe o Hospital da Mariña, e máis cando xa foi advertido nas dúas xuntanzas do Comité de Seguridade e Saúde e na xuntanzas coa dirección de que se detectaban fallos no protocolo de actuación contra o coronavirus”, explican.

O CADRO DE PERSOAL OBRIGADO A REUTILIZAR OS EPIs

Logo da información facilitada este domingo, 22 de marzo, polo presidente da Xunta en relación á dispoñibilidade de 500.000 máscaras, aínda se comprenden menos as limitacións e prohibicións no uso destas, incluso para o persoal que presta atención directa a persoas con coronavirus.

“A Xerencia está limitando mediante ordes verbais o uso de equipos de protección e obrigando a reutilizar determinados elementos dos EPIs como as máscaras FFP2 ou as batas impermeables, o que supón multiplicar o risco de contaxio”, denuncian.

“Se deben ser reutilizadas, ben sexan máscaras ou batas (algo contrario a todos os protocolos) e non desbotadas, que diten unha instrución por escrito, explicando os motivos e o protocolo a seguir para que as traballadoras e traballadores teñan unha cobertura legal ante un uso incorrecto das medidas de protección, xa que nesta crise sanitaria neste hospital danse ordes verbais que non quedan reflictas por escrito en ningún lugar”, esixen.

“Curiosamente, hoxe martes, a Xerencia do Hospital da Mariña e ante a situación alarmante e preocupante do aumento de número de contaxios, mandou usar máscara cirúrxica a todo o cadro de persoal do hospital independentemente de que vai prestar atención directa aos pacientes ou non, namentres até este luns o cadro de persoal que ousaba usar unha máscara era reprendido pola Xerencia e cargos intermedios”, explican.

Por outra parte, e ante a gravidade da situación, desde CIG Saúde A Mariña solicitan saber a dotación de material para os casos confirmados ou sospeitosos: luvas de nitrilo, mascarillas FFP2 e FFP3, batas desbotables impermeables de manga longa e gafas de protección. “Urxe garantir a dotación suficiente destes equipos”, afirman.

A XERENCIA EXPÓN AO CADRO DE PERSOAL A UNHA SITUACIÓN DE ESTRÉS EMOCIONAL GRAVE

Ante a ausencia da adopción de medidas preventivas específicas, o cadro de persoal está sufrindo unha exposición innecesaria e inxustificable ao propio risco biolóxico, pero tamén unha situación de estrés emocional grave, ao vérense expostos a un risco grave e inminente ante o que se senten totalmente desprotexidos no ámbito laboral, até o punto de que algunhas traballadoras e traballadores tiveron que buscar pisos en Burela en autoillarse por medo a contaxiar ás súas familias.

DIMISIÓN EN BLOQUE DE TODA A EQUIPA DIRECTIVA

“Quen dirixe o noso hospital non quixo escoitar as traballadoras e tampouco nos quixo escoitar a nós cando foron advertidos de que fallaba a coordinación, os protocolos e que se detectaba falta de material de protección para afrontar a emerxencia sanitaria polo Covid-19. Agora, as nosas compañeiras caen como moscas”, denuncian.

A este respecto, a CIG-Saúde critica que a actitude da xerencia “que apostou pola prepotencia, a soberbia, a falta de diálogo e o desprezo ás traballadoras en primeira liña de actuación e tamén a quen as representa, chegando a chamarnos mentireiros. Cando se xunta unha crise sanitaria sen precedentes, os recortes dos últimos anos, e unha Xerencia incompetente e con falta de coñecementos, o resultado non podía ser outro”, relatan.

Por todo o anterior desde CIG SAÚDE A MARIÑA esixen a dimisión en bloque de toda a equipa directiva, “única e máxima responsable da situación actual”, xa que non se están preocupando pola prevención do risco de contaxio, “senón que están a reservar os medios de protección para cando se alcance o “pico” da pandemia, dándolle máis valor a unha simple máscara que ás valiosas profesionais do noso centro”.

DENUNCIA NA INSPECCIÓN DE TRABALLO

Por todo isto, a  central nacionalista informa que se viu na obriga de presentar denuncia na Inspección de Traballo ante a falta de EPIs, a obriga de reutilizar os mesmos e a carga psicosocial que conleva ter que traballar nesas condicións.

Desde CIG Saúde A Mariña esiximos que se poña ao alcance de todas e todos os traballadores os EPIs necesarios para poder desenvolver as súas tarefas garantindo máxima seguridade para a súa saúde.

Volver