O comité de folga cualifica os avances como mínimos e mantén as mobilizacións.

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

Nunha segunda reunión do comité de folga (representado por CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT) o SERGAS presentou unha nova proposta que segue sen satisfacer as esixencias das organizacións sindicais polo que se manteñen as mobilizacións e folga convocadas.

A administración vende como avance o que non é máis que un movemento mínimo e insuficiente, mentres evita afrontar os puntos centrais que motivaron a folga.

A proposta sobre as prazas de FEAP continúa sendo inaceptable: non asegura a retirada da categoría nin a reconversión das prazas actuais.

Segundo a proposta presentada hoxe, o SERGAS comprométese a:

  • Consolidar o transporte para a atención domiciliaria.
  • Retribuír ao persoal dos PAC que realiza prolongacións de xornada en atención ordinaria en función do modelo de prolongación efectivamente realizada.
  • Reducir o tramo incentivado de xornada complementaria de 160 a 140 horas en PAC.
  • Equiparar o valor da xornada complementaria das e dos enfermeiras e enfermeiros de PAC co das enfermeiras e enfermeiros de atención ordinaria.
  • Incrementar o complemento de manutención dos PAC.

Porén, estes movementos son claramente insuficientes. Os puntos clave que motivaron a convocatoria de folga seguen sen unha proposta concreta enriba da mesa. O SERGAS limítase a falar de prazos e estudos, retrasando deliberadamente solucións urxentes.

A próxima reunión terá lugar o venres 21, centrada na xornada dos PAC. As organizacións sindicais xa advertiron que non aceptarán máis trampas: o debate debe ser sobre os criterios de cómputo da xornada, e non sobre como obrigar ás traballadoras a perder horas ou regalar tempo de traballo. Non imos permitir que se nos roube dereitos nin tempo de vida.

Volver