O decreto da Xunta para regular o persoal investigador afonda na inestabilidade laboral e abre a porta da privatización

A CIG presentou alegacións a un proxecto de estatuto que contempla o despido aos cinco anos en caso de avaliación negativa e deixa fóra o 70% dos traballadores/as do sector

  • Institutos investigación
  • Sanidade Pública

A Xunta de Galicia pretende novamente aprobar un decreto que regule as condicións do persoal investigador, reafirmándose na súa pretensión de manter a inestabilidade. Tras o fiasco do decreto presentado no 2017 reitérase en que este sector está abocado á inestabilidade e a busca de financiamento externo.

A CIG quere denunciar como puntos principais que:

  • Establece o despido obxectivo en caso de avaliación negativa aos 5 anos: inaceptable na carreira investigadora que conleva, polas súas características, unha multitude de variables. A maiores, este despido obxectivo dos que lideran grupos de investigación conlevaría a desaparición de dito grupo.
  • Non contempla ao 100% do persoal adicado a investigación. Deixa fóra, entre outro persoal, a todo o que ten que ver coa xestión e administración, no que ciclos formativos (superiores e medios) forman parte da estrutura básica e indispensable da investigación.
  • Perde a oportunidade de ofertar contratos de estabilidade (fixo na administración), incidindo nos denominados de "actividades científico-técnicas", ligados en xeral ao financiamento externo (da "industria" principalmente). A Xunta aposta por persoal de usar e tirar.
  • Rompe co dereito a negociación colectiva, dereito básico do persoal traballador. Establece unhas condicións salariais que non teñen por que mellorar o que se debería negociar en cada ámbito.
  • Outro aspecto onde esta norma é completamente deficiente, é na perspectiva de xénero e na igualdade.
  • Non unifican ao persoal investigador, xa que deixan fóra ao persoal investigador do sistema universitario.
  • Segue sen apostar pola incorporación das diversas figuras ligadas a investigación no ámbito sanitario na estrutura do SERGAS.

CIG presentou xa alegacións contra este Decreto, e iniciará as medidas oportunas para paralizalo, apoiando ao persoal de investigación e as asociacións do sector que veñen defendendo similares medidas ás nosas.

Nova relacionada en Avantar.

Volver