O SERGAS segue sen aboar as melloras retributivas do persoal facultativo de urxencias hospitalarias
Os compromisos publícanse no DOG, pero as melloras non chegan ás nóminas
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
O pasado 29 de xuño de 2026 publicouse no DOG a Orde do 23 de xuño pola que se aproban melloras laborais e retributivas para o persoal facultativo que traballa nos servizos de urxencias hospitalarias.
Estas medidas recóllense nun documento presentado na Mesa Sectorial e rexeitado por todas as organizacións sindicais por consideralo insuficiente.
Entre estas medidas figura un incremento retributivo da hora de xornada complementaria, con efectos desde o 1 de abril de 2026, e a retribución da quenda do venres como prefestiva desde a data de publicación no DOG, o 29 de xuño de 2026.
Porén, transcorridos máis de sete meses desde a data de efectos, o persoal segue sen cobrar este incremento nin os atrasos correspondentes.
Desde CIG-Saúde denunciamos que non é aceptable que o SERGAS anuncie melloras, as publique oficialmente e despois deixe pasar os meses sen facelas efectivas.
O persoal cumpre co seu traballo desde o primeiro día. O SERGAS tamén debe cumprir cos seus compromisos.
CIG-SAÚDE ESIXE
- O pagamento inmediato do incremento retributivo pendente.
- A regularización de todas as cantidades atrasadas desde o 1 de abril de 2026.
As melloras retributivas non poden quedar só no papel