O xulgado condena ao SERGAS por non chamar a unha traballadora de listas mentres estaba de baixa derivada do embarazo
- Sanidade Pública
O xulgado do Contencioso-Administrativo de Compostela vén de condenar o SERGAS a abonarlle a unha traballadora as retribución deixadas de percibir polos contratos de curta duración que a administración non lle ofreceu por atoparse en situación de baixa derivada do embarazo. A sentenza tamén ordena o recoñecemento de todos os efectos administrativos correspondentes, computándolle como tempo traballado para a administracións.
Os feitos denunciados remóntanse ao ano 2021, cando a traballadora prestaba servizos no Hospital Clínico de Santiago a través das listas de contratación e se atopaba en situación de IT derivaba do embarazo. O SERGAS, de maneira unilateral, revogoulle un contrato ofertado durante a baixa e mesmo deixou de chamala nese período para cubrir os contratos curtos que por orde de puntuación na lista lle correspondían, indicándolle que só lle podían ofrecer contratos de longa duración.
Contra desta decisión, a traballadora interpuxo recurso de alzada, que foi desestimado por Recursos Humanos, malia as resolucións xudiciais que xa existían nese momento sobre esta materia e que no primeiro Plan de Igualdade do SERGAS negociado en 2021, se recolle expresamente unha excepción na suspensións de chamamentos para evitar discriminacións por razón de sexo das mulleres que se atopan de baixa por continxencias propias do embarazo ou que están de permiso por nacemento/adopción.
O mencionado Plan de Igualdade establece que se recoñecerán en todos os supostos como tempo traballado para os efectos administrativos o período de duración dos vínculos que pola súa orde de posición na lista lle correspondesen.
Porén, o SERGAS continúa a pór trabas no recoñecemento dos dereitos do persoal temporal que segue a sufrir situacións de discriminación e absoluta precariedade pola mala xestión na contratación e o uso abusivo dos denominados contratos administrativos. Esta modalidade supón unha clara discriminación para as traballadoras que se atopan en IT derivadas do embarazo ou parto xa que só contabiliza tempo traballado, mais non se formaliza en termos legais, porque non existe nómina; dándose casos de auténtica fraude.
Estas prácticas abusivas son habituais na área sanitaria de Santiago-Barbanza e xa foron denunciadas en múltiples ocasións pola CIG-Saúde de Compostela, que agarda que a Xerencia tome bota nota desta sentenza, cumpra cos acordos acadados na Mesa Sectorial e respecte os dereitos do seu persoal.
Ademais, agora que toca negociar a renovación do Plan de Igualdade, a CIG seguiralle reclamando á administración sanitaria avanzar en medidas de igualdade e/ou protección á maternidade tanto para o persoal fixo como temporal.
Novas Relacionadas
Últimas novas