OPE: persoas aspirantes definitivamente seleccionadas e inicio do prazo de toma de posesión

Categoría de facultativo/a especialista de área e na categoría de médico/a coordinador/a do 061

  • Oposicións
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se nomean como persoal estatutario fixo e se lles adxudica destino definitivo ás persoas aspirantes seleccionadas nos procesos selectivos, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diversas especialidades da categoría de facultativo/a especialista de área e na categoría de médico/a coordinador/a do 061, convocados mediante resolucións do 14 de decembro de 2022.

Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas neste proceso extraordinario de estabilización, polo sistema de concurso-oposición, e segundo o establecido na base 10.4 das resolucións de convocatoria, realizouse a oferta das prazas que resultaron vacantes, nas categorías de facultativo/a especialista en medicina interna, facultativo/a especialista en pediatría e as súas áreas específicas e médico/a coordinador/a do 061, á persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación, pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

Nomease como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde nas categorías de facultativo/a especialista en medicina interna, facultativo/a especialista en pediatría e as súas áreas específicas e médico/a coordinador/a do 061, as persoas aspirantes que se inclúen no anexo I desta resolución, logo de acreditaren o cumprimento dos requisitos establecidos e de realizar a elección de destino segundo o previsto nas bases 9 e 10 das convocatorias dos procesos selectivos.

Adxudícaselles a estas persoas aspirantes, con carácter de destino definitivo, as prazas que figuran no indicado anexo I.

As persoas aspirantes nomeadas disporán do prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión ao cal pertenza esta.

De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, as persoas aspirantes seleccionadas deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero, que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

 

Volver