Fundacións de Investigación Biomédica e de Medicina Xenómica: Os sindicatos esixen á Consellería de Sanidade a equiparación salarial co SERGAS
CIG-Saúde, CCOO, UGT e CSIF reclaman unha proposta concreta na reunión do xoves 26 de novembro e advirten de que, se non hai acordo, convocarán concentracións o venres 27.
- Institutos investigación
- Sanidade Pública
As organizacións sindicais CIG-Saúde, CCOO, UGT e CSIF esixen á Consellería de Sanidade que presente na reunión do próximo xoves 26 de novembro unha proposta de equiparación salarial do persoal das fundacións de investigación biomédica e de medicina xenómica co persoal estatutario do SERGAS.
Despois de máis dun ano de negociacións do convenio colectivo, a última proposta da Administración continúa sen responder á principal reivindicación sindical. A Consellería de Sanidade e o SERGAS néganse a aceptar a equiparación salarial e pretenden manter as diferenzas retributivas, cunha proposta de incrementos repartidos ata o ano 2031 que nin sequera inclúe todas as categorías profesionais.
Os catro sindicatos denuncian que esta postura evidencia a falta de vontade da Administración para poñer fin á desigualdade salarial. O persoal de investigación non pode seguir sendo tratado como persoal de segunda dentro da sanidade pública galega.
Ademais, lembran que noutras comunidades autónomas xa se levou a cabo a equiparación salarial do persoal de investigación sanitaria co persoal dos respectivos servizos públicos de saúde. Os sindicatos consideran inaceptable que a Consellería de Sanidade siga negando en Galicia o que xa se recoñeceu noutros territorios.
Na negociación continúan pendentes outras cuestións, como a clasificación profesional, a carreira profesional e os trienios. Porén, as organizacións sindicais insisten en que a equiparación salarial co persoal estatutario do SERGAS debe ser un elemento central da proposta que presente a Administración.
CIG-Saúde, CCOO, UGT e CSIF advirten de que, se na reunión do xoves 26 non se alcanza un acordo, convocarán concentracións simultáneas o venres 27 de novembro, ás 12:00 horas, na Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.
As organizacións sindicais esixen á Consellería que abandone a súa negativa e acuda á reunión cunha proposta de equiparación salarial que permita desbloquear o convenio e evitar novas mobilizacións.