
Parking para o persoal
- Ferrol
Como todas saberedes levamos anos e anos con problemas para aparcar. Temos asumido, que para aparcar no parking de persoal, se vimos en quenda de mañá, temos que entrar as 7:30h, e cando é de tarde, xa non sabemos se vir ás 14:00h, ou vir antes e comer no coche.
O que non sabemos, e se sodes coñecedoras de algo, que dende a CIG levamos tempo demandando durante anos, e é que o Sergas, para as empresas externas, si que ten onde aparcar.
Levamos tempo demandando que empresas externas como é a de soporte informático, aparcan toda a mañá, dous ou tres coches, na explanada que está diante do Hall onde se reservaron aparcamentos para coches do Sergas.
Levamos tempo demandando que empresas externas que veñen a facer traballos de mantemento, non é que entren na explanada ou no muelle de carga a descargar e que despois se vaian a aparcar, senón que tamén se quedan toda a xornada, ben aparcados. Mentres, o persoal continuamos preguntándonos se teremos que mercar coches de peto.
Levamos tempo demandando que dende os xeriátricos de Domus VI, cando veñen con usuarias ao médico/a aparcan as súas furgonetas na explanada, iso si á usuaria lle cobran por traela. Sen embargo, cando acoden ao centro pacientes dependentes cos seus familiares, estes últimos teñen que buscarse a maneira de deixar ao paciente e logo ir aparcar ao parking de pago.
E vos preguntaredes, cal e a resposta da Dirección? Pois vos contamos. Aos coches de informática abríronlles a porta do “Campamento”, isto é a zona da explanada onde están as casetas da limpeza, así cos coches alí escondidos, a ver se non os vemos e estamos caladas.
POIS NON, NON IMOS CALAR, o parking do persoal non chega. Se pedimos a tarxeta de aboado para o parking de pago temos lista de espera de anos, co Plan Director amplíase o hospital, amplíase o persoal, pero non se amplían as prazas do parking.
Iso si, a Dirección pode cambiar, pero todo aquel que veña terá reservada unha praza gratuíta no parking de pago.
Se a Dirección non amaña isto no mes de setembro, en outubro teremos que comezar coas mobilizacións e queremos contar co voso apoio.
Irémosvos informando.
Últimas novas