SER MULLER NO SERGAS

  • Sanidade Privada
  • Sanidade Pública

Onte as mulleres que traballamos no SERGAS tivemos o “privilexio” de ser felicitadas por ser unha das 34.133 mulleres que traballamos para mellorar a sanidade pública galega. O certo é que a mellora da sanidade pública galega pasa pola precariedade laboral e falta de dereitos.

A temporalidade no SERGAS, a rotación en distintas unidades nun mesmo contrato, as dificultades na conciliación, a falta de protección no embarazo ou na lactanción, a discriminación nas retribucións en situacións relacionadas co embarazo, as dificultades en desfrutar vacacións e permisos no persoal eventual, a falta de servizos de garderías que faciliten a conciliación, a falta de protocolos específicos para o acoso sexual… son algunhas das tarefas pendentes en materia de igualdade para as traballadoras do SERGAS, que xa teñen a penosidade engadida de ter que desenvolver o seu traballo en quendas rotatorias, horarios nocturnos e fines de semana para asegurar a atención 365 días do ano 24 horas do día.

A igualdade no SERGAS é unha materia pendente, as traballadoras do SERGAS reclamamos que se defenda a quen coida, a quen traballa por unha sanidade pública de calidade. Os aplausos, os SMS, ou os correos de “felicitación” deben deixar paso a implantación de medidas que melloren as nosas condicións laborais e faciliten a conciliación da vida laboral e familiar.

Mentres ser muller no SERGAS xustifica que o 8 de marzo non sexa un día de celebración senón un día de loita na conquista dos dereitos da muller traballadora.

Volver