SOBRE A CAMPAÑA DE VACINACIÓN DA COVID-19

  • Coronavirus
  • Sanidade Pública
  • Saúde laboral

CIG-Saúde entende que, coa evidencia científica actual, a vacinación das e dos profesionais e do conxunto da cidadanía é a mellor estratexia para conseguir a redución da incidencia da COVID-19 e, deste xeito, diminuír o impacto da pandemia sobre a saúde das persoas, sobre o sistema asistencial e tamén sobre a economía.

Tal e como recolle o Plan Galego de Vacinación Fronte ao SARS-CoV-2 da Dirección Xeral de Saúde Pública, o obxectivo da estratexia de vacinación é diminuír a gravidade e a mortalidade da COVID-19, protexendo de forma prioritaria a aqueles grupos con maior vulnerabilidade. Por esta razón CIG-Saúde entende que é preciso incrementar o ritmo de vacinación, e para logralo, sen desatender a continuidade asistencial, é precisoincrementar o número de profesionais na Atención Primaria, especialmente das profesionais da Enfermaría.

A Administración Sanitaria ten a obriga de liderar unha campaña de formación e información dirixida as e os profesionais e ao conxunto da cidadanía para concienciar sobre a importancia da vacinación, aportando datos e informacións en base ao estado actual da evidencia científica que faciliten a comprensión da situación actual e o valor positivo en termos individuais e colectivos da vacinación.

CIG-Saúde defende que a decisión de vacinarse ten que ser un acto voluntario, baseado na información e no coñecemento. As e os profesionais que tratan con persoas especialmente vulnerables teñen unha responsabilidade engadida á hora de tomar a decisión de vacinarse.

CIG-Saúde manifesta a súa preocupación polo xeito no que se está a recoller a renuncia á vacinación da COVID-19. É preciso diferenciar ás persoas que por razóns contempladas nos protocolos das vacinas a aplicar non poden ser vacinadas nese momento das que reunindo os criterios para poder ser vacinadas deciden non facelo. En todo caso, a administración sanitaria debería contemplar que a decisión de non vacinarse neste momento non pecha a porta a facelo no futuro.

Volver