Xubilación aos 60 XA!!

Esiximos ao goberno de Madrid que se articule a xubilación do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios aos 60 anos

  • Sanidade Privada
  • Sanidade Pública

CIG, ELA, LAB e a Intersindical Catalá reclamamos o recoñecemento, este ano 2022, do dereito á xubilación aos 63 anos sen penalización, e aos 60 esta lexislatura, do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios.

Solicitamos aos partidos políticos con representación en Madrid que prioricen este asunto e que, mostrando o seu claro compromiso con este persoal esencial, condicionen os seus votos para a aprobación dos orzamentos á aprobación deste dereito.

A Lei 40/2007, de medidas en materia de Seguridade Social, prevé que a idade mínima de xubilación se poida rebaixar por Real Decreto, para grupos ou actividades profesionais, categorías e especialidades cuxo traballo sexa de natureza penosa, tóxica ou perigosa. Tamén se terán en conta os efectos do traballo en quendas (penosidade por traballar en quendas de noite) e o esforzo físico para o desenvolvemento do traballo que se realiza.

O que demandamos é a aplicación da lei 40/2007  para que o persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios que teña os períodos de cotización recollidos na norma, e cumpra o requisito de cotización, póidase xubilar sen as penalizacións que marca a actual lexislación. E que ademais perciba o complemento de xénero.

Tamén instamos o goberno a recoñecer, durante esta lexislatura, o dereito á xubilación aos 60 anos do persoal da sanidade e dos sectores sociosanitarios, e a que  non se vincule este dereito á planificación dos cadros de persoal actuais ou futuros, que  dependen de decisións políticas que non poden, en ningún caso, vulnerar os dereitos do persoal.

As organizacións sindicais CIG, ELA, LAB e a Intersindical catalá instamos a que durante esta Lexislatura se abra un proceso negociador para a modificación da Lei 40/2007, para que o persoal  comprendido neste ámbito de aplicación poida acceder á xubilación cando cumpra os 60 anos, e  teña 35 anos cotizados.

Volver